PARTICIPANTES
BASES
1. Poderá participar neste concurso todo o alumnado que, sen límite de idade, estea matriculado na súa primeira titulación de Arte Dramática en calquera dos centros superiores destas ensinanzas artísticas, tanto do estado español como portugués.
2. As persoas interesadas deberán remitir a seguinte documentación antes do día 27 de febreiro de cada ano:
- Fotocopia do Documento de Identidade e do resgardo de matrícula da persoa ou persoas que se presenten a concurso.
- Enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.
- Ficha técnica e artística da proposta (elenco, dirección, necesidades técnicas da montaxe, sinopse, etc.)
- Título do espectáculo.
3. O enderezo ao que se han de enviar os documentos será:
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Apartado de Correos 2102, C.P. 36208, Vigo, Galicia. (Indicando no seu exterior: “Premio de Interpretación Marta Sieiro”)
4. A proposta interpretativa non poderá durar máis de 15 minutos, será realizada en calquera das cinco linguas oficiais dos dous estados, modalidade interpretativa (xestual, corporal ou textual) e nela poderán concursar todos aqueles aspirantes que se axusten á presente normativa.
5. Todos aqueles espectáculos que cumpran cos requisitos serán exhibidos publicamente no Teatro da ESAD de Galicia os días previos á celebración do Día Mundial do Teatro. A orde de participación configurarase de acordo á estrita data de chegada das inscricións e darase a coñecer coa suficiente antelación na páxina web da ESAD: www.esadgalicia.com
6. O xurado que valorará o nivel interpretativo dos aspirantes estará integrado por:
- Director da ESAD ou persoa en quen delegue.
- 2 profesores/as do Departamento de Interpretación.
- 2 profesores/as do Departamento de Dirección de Escena.
- 1 profesor/a do Departamento de Movemento e danza.
- 1 profesor/a do Departamento de Música e expresión oral.
- 2 persoas alleas á ESAD e directamente vinculadas co traballo actoral.
7. A decisión do xurado será inapelable e darase a coñecer o día 26 de marzo, nas vésperas do día Internacional do Teatro. A organización resérvase o dereito a esixir a exhibición dos espectáculos realizados polas persoas que resulten gañadoras e/ou a declarar deserta a convocatoria.
8. Premios:
- Un único premio, que pode recaer nun traballo individual ou nunha proposta coral, de 1.500 euros máis unha estatuíña. O xurado resérvase o dereito de facer cantas mencións especiais considere oportunas e de outorgar o premio ex aequo.
9. A participación nesta convocatoria supón a aceptación destas bases.