No proxecto integral elaborado no seu día para albergar a ESAD de Galicia está prevista a construción de dous edificios, que complementarían o existente na actualidade. O primeiro deles é un teatro cunha capacidade para 250 persoas e unha ampla caixa escénica capaz de acoller traballos de ensinanza e aprendizaxe. Contén tamén almacéns, aulas de construción escenográfica e de expresión gráfica e unha sala de ensaios que sirva igualmente como caixa negra, para a realización de todo tipo de experiencias escénicas non convencionais. O segundo edificio sería un aulario complementario no que tamén se deberán incluír espazos de traballo para alumnado e profesorado.
No seu día, o Claustro de Profesores e Profesoras da ESAD e o seu Consello Escolar decidiron por unanimidade que ese teatro, aínda por facer, tome a denominación de TEATRO CARLOS CASARES, lembrando así a traxectoria dunha persoa que, desde a Presidencia do Consello da Cultura Galega, tanto fixo e tanto traballou para que esta escola hoxe sexa unha realidade. Con esa decisión a comunidade educativa da ESAD recoñecía igualmente o labor do propio CONSELLO DA CULTURA GALEGA no desenvolvemento dun proxecto que hoxe xa comeza a ser unha realidade.
Agardamos que en breve se inicien os traballos desta nova fase que pode converter as instalacións da ESAD de Galicia nun referente mundial no eido dos espazos educativos para as artes escénicas, e que dotaría á nosa comunidade dunhas instalacións inmellorables para o desenvolvemento de procesos de ensinanza e aprendizaxe, de investigación e de creación.